Galiza Nova esíxelle a Nós Pobra que convoque as axudas ao transporte

photo_2017-03-21_12-53-29
Membros de Galiza Nova denuncian a falta de axudas ao transporte para o estudantado da Pobra do Caramiñal.
Galiza Nova esíxelle a Nós Pobra que convoque as axudas ao transporte

Membros de Galiza Nova Barbanza compareceron ante os medios de comunicación para denunciar a situación en que se atopan os e as estudantes da Pobra do Caramiñal en relación co transporte público. 

Lonxe de propor melloras no transporte público, o goberno da Pobra do Caramiñal demostra unha vez máis a súa inoperancia ao non conceder as axudas destinadas á mobilidade de estudantes que teñen os seus centros de formación fóra do municipio.

Elvira Blanco, responsable da organización na comarca da Barbanza, expuxo que "van xa dous cursos escolares nos que o estudantado da Pobra non pode beneficiarse destas axudas, tan necesarias para elas como para a economía familiar".

Dende Galiza Nova explican que hoxe en día o transporte público é máis custoso que o vehículo privado, ao que a meirande parte do estudantado non ten acceso, por iso estas axudas que o goberno de Nós Pobra se nega a convocar fanse aínda máis necesarias. 

"Nos outros concellos da Barbanza as estudantes xa se benefician de ditas axudas, mais na Pobra non", denunciou Óscar Sobrido, militante de Galiza Nova na Pobra do Caramiñal. "Isto evidencia o desleixo co que o goberno municipal trata o asunto, desinterese que a mocidade pobrense sofre e non temos por que aturar", engadiu.

Dende Galiza Nova denuncian esta situación e esixen ao goberno municipal a inmedianta posta en funcionamento das axudas, pois son moi necesarias para moitas familias que contan con poucos recursos económicos.

Galiza Nova esíxelle a Nós Pobra que convoque as axudas ao transporte