O BNG de Boiro traballa para conseguir melloras no equipamento do clube de remo de Cabo
O Bloque Nacionalista Galego de Boiro está traballando para acadar os apoios suficientes na Corporación Municial, así como na Deputación da Coruña co fin de que se poida materializar a dotación dunhas instalacións máis modernas ao Clube de remo de Cabo de Cruz.
A concelleira Raquel Suárez lembrou que o clube xa tivo unha xuntanza hai pouco con representantes da Deputación coruñesa na que se fixo unha visita polas instalcións que se atopan moi deterioradas. As representantes da institución provincial comprometéronse a estudar as peticións que lle foron trasladadas mais tamén é preciso a colaboración do Concello de Boiro.
Desde o BNG fíxose fincapé na valía e na profesionalidade do clube referente a nivel estatal, con máis de tres décadas de existencia e que conta con categorías de remeiros, e remeiras, sendo a única en Galiza que conta cunha sección feminina, e que está a acadar un bo número de éxitos e logros. Finalmente a edila nacionalista subliñou que tendo en conta o que representa o clube de remo para Boiro para todo o deporte do país, é incomprensíbel que non teña unhas infraestructuras e equipamientos adecuados ou que careza a día de hoxe dun foso propio.