O BNG propón realizar un estudo hidrolóxico dos ríos de Ribeira

Estudo ríos. BNG Ribeira
A responsábel local Elvira Blanco e os concelleiros Xosé Vázquez e Luís Pérez no río de Artes
O BNG propón realizar un estudo hidrolóxico dos ríos de Ribeira

O BNG escolleu o río de Artes para presentar a iniciativa que trasladará ao Concello. Como é sabido Ribeira ocupa parte da vertente sur da serra da Barbanza, aproveitando os vales encaixados dos abundantes regatos e ríos que baixan da serra. Algúns son de curto percorrido mais algúns chegan á plana litoral e desembocan no mar. O ano pasado no salón de plenos debatiuse e aprobouse unha petición para solicitar a Augas de Galiza a limpeza dos ríos co fin de evitar os asolagamentos que teñen causado danos considerábeis nos bens municipais e da veciñanza. O fin desta nova iniciativa é detectar e poñer remedio aos danos que a acción humana está a infrinxir ao longo do traxecto de canles e leitos dos ríos e regatos que percorren o noso concello. No BNG somos conscientes de que hai focos e contaminación que deben ser eliminados para mellorar os entornos fluviais.

Ante esta situación o grupo municipal do BNG de Ribeira, vén de propoñer o seguinte:

1. Que o departamento de Medio Ambiente do concello de Ribeira faga un estudo de cada un dos ríos e regatos do concello centrado nos seguintes aspectos:
1.1. Detección dos focos de contaminación
1.2. Modificacións das súas canles e leitos
2. Que se remita aos grupos municipais antes do verán, un informe detallado do estado da rede hidrolóxica do concello que inclúa as anomalías e incidencias detectadas, así como as causas e posíbeis solucións.

O BNG propón realizar un estudo hidrolóxico dos ríos de Ribeira