O BNG Barbanza apoia a iniciativa do concello de Rianxo polo sacrificio 0 de animais

Representantes do BNG Barbanza presentando publicamente a iniciativa
O BNG Barbanza apoia a iniciativa do concello de Rianxo polo sacrificio 0 de animais

O BNG da Barbanza apoia o protocolo creado polo concello de Rianxo para o tratamento de animais abandonados, que contempla a adopción destes animais en condicións óptimas. Ademais, no seu compromiso co benestar animal, tamén avoga, como o alcalde de Rianxo, por establecer as condicións necesarias para que a canceira municipal de Ribeira pase a ser comarcal coa premisa do sacrificio 0 de animais.Representantes do BNG Barbanza presentando publicamente a iniciativa

Esta mañá en Rianxo, a responsábel comarcal do BNG, Cristina Andrade, fixo público este apoio ao protocolo establecido para o coidado dos animais abandonados e felicitou ao alcalde de Rianxo polos logros conseguidos ao respecto. Asemade expresou a necesidade de que se estableza un acordo entre os concellos da comarca para asumir entre todos os gastos da actual canceira de Ribeira e e o compromiso para que se converta nun recinto provisional de acollida mentres se procura unha familia de adopción para os animais.

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños (BNG) explicou que as medidas adoptadas nese concello con respecto á recollida, desparasitado, esterilización e posterior entrega en adopción, foron recollidas do protocolo que utiliza a Deputación de Pontevedra.

Adolfo Muíños pretende alcanzar un acordo en breve cos outros alcaldes de comarca, en particular co de Ribeira, para conseguir, cos cambios oportunos no regulamento e a concesión da canceira de Ribeira, que este protocolo se estenda a toda a comarca e incluso a outros concellos limítrofes.

Segundo Cristina Andrade, desta maneira conseguiríanse dous obxectivos fundamentais para o BNG desde sempre: erradicar o sacrificio de animais abandonados e comarcalizar servizos para optimizar os recursos.

O alcalde de Rianxo engadiu que no seu concello estase tamén a traballar coas colonias de gatos para solucionar o problema de salubridade e perigosidade que implican sen recorrer ao sacrificio. De feito vanse establecer refuxios para estes animais, contando con todas as medidas veterinarias e de hixiene e procurando finalmente a súa adopción.

O BNG Barbanza apoia a iniciativa do concello de Rianxo polo sacrificio 0 de animais