O BNG da Barbanza propón nos concellos colaboración para garantir unha reactivación económica xusta

O BNG da Barbanza quere unha reactivación económica xusta
O BNG da Barbanza quere unha reactivación económica xusta
Insta aos Plenos das Corporacións a solicitaren da Xunta a elaboración dun plan galego de reactivación económica, consensuado con todas as administracións, forzas políticas, axentes e sectores sociais.
O BNG da Barbanza propón nos concellos colaboración para garantir unha reactivación económica xusta

Os grupos municipais do BNG na comarca da Barbanza presentarán mocións nos concellos para esixir da Xunta a elaboración dun plan galego de reactivación económica e social que complemente as medidas tomadas dende as localidades para compensar a crise xerada pola pandemia da Covid-19.
 
Para o BNG, as distintas administracións, forzas políticas, sectores e axentes sociais deben actuar de maneira coordinada. Segundo a responsábel comarcal, Elvira Branco, “nunha situación como a que estamos a vivir é fundamental a elaboración de mecanismos de solidariedade social nacionais: claridade dos recursos dispoñíbeis en cada nivel de intervención pública, priorización no emprego colectivo destes recursos para que cheguen a quen os precisa, e exercicio responsábel das competencias de cada institución, evitando duplicidades, solapamentos e baleiros inadmisíbeis”.

Derrogación da “lei Montoro”
 
Os nacionalistas sinalan que os concellos carecen de competencias estruturais en materia económica e política fiscal. Desta maneira, as decisións que se poidan adoptar para facer fronte á crise dende o ámbito local van depender das medidas lexislativas e executivas que se adopten polo Estado español e pola Xunta de Galiza. 

Para que as administracións locais poidan despregar a súa capacidade de actuación nesta situación, dende o BNG consideran que é fundamental a derrogación da lei de Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira, máis coñecida como “Lei Montoro”, unha lei que recolle tres regras fiscais (estabilidade, regra de gasto e débeda) para priorizar o pago da débeda aos bancos. 

Branco sinala que “sen a derrogación desta norma as posibilidades de actuación das diferentes administracións veríanse moi minguadas, e quedarían en actuacións de beneficencia. Non podemos permitir que os sectores máis desfavorecidos, as clases populares, volvan pagar as consecuencias doutra nova crise”. 

Na formación nacionalista fican preocupados polas informacións en distintos medios de comunicación da intención do Ministerio de Facenda de utilizar os depósitos remanentes municipais, no canto de permitir que sexan utilizados polos concellos en actuacións da súa competencia. “Esta decisión deixaría á administración local sen ningunha capacidade de acción”, indica, “por iso é necesario instar á FEGAMP e á Xunta de Galiza a esixir a derrogación desta lei e que así os concellos poidan desenvolver toda a súa capacidade de investimento e gasto”.  

Consideran, polo tanto, que é preciso que as corporacións municipais da comarca manifesten a súa firme oposición a calquera pretensión do Ministerio de Facenda de incautar ou bloquear fondos municipais, para que estes se poidan destinar a solventar as consecuencias da crise da Covid-19.

O BNG da Barbanza propón nos concellos colaboración para garantir unha reactivación económica xusta