O BNG chama a secundar a folga do 8 de marzo

BNG_8M
Campaña do BNG con motivo do Día Internacional da Muller
O BNG chama a secundar a folga do 8 de marzo

O Bloque Nacionalista Galego chama á veciñanza dos concellos da Barbanza a secundar a folga que se promove para o 8 de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller.

A discriminación no eido laboral pódese comprobar como as mulleres cobran 4.000€ menos ao ano por facer o mesmo traballo que os homes. As mulleres son as grandes prexudicadas no mercado laboral que se traduce en salarios máis baixos e precariedade.

Desde o BNG cremos que os gobernos poden facer máis do que fan e para iso deben comezar por cumprir as Leis de Igualdade pero temos un presidente na Xunta que leva 8 anos incumpríndoas polo que se fai necesaria  e urxente, a posta en marcha “dunha Lei pola igualdade salarial” e sancionar aquelas empresas que pagan menos ás mulleres, polo mero feito de selo.

Ademais, desde o BNG reclamamos da Administración pública non contratar a empresas que vulneran os dereitos e a igualdade e impoñerlles sancións cando incumpran ese principio. Estas propostas, son factibles e só precisan vontade política para levalas a cabo.

Este 8 de marzo debe ser un revulsivo para cambiar a axenda social da desigualdade por unha axenda que defenda os dereitos das mulleres, e esa oportunidade témola nas nosas mans. Podemos cambiar o paradigma da desigualdade por un novo modelo no que deben desaparecer as discriminacións de xénero e o BNG seguirá loitando neste camiño.

"O máis grande de Galiza está até a cona"

Unha campaña directa e contundente necesaria nun momento no que se repiten “actitudes neomachistas” desde o Goberno, tanto do Estado como do galego,  que desde o Bloque ilustramos con dous exemplos. “Hai dous detonantes claros que nos levan a facer esta campaña: O primeiro son as declaracións do presidente do Estado, Mariano Raxoi, que cando lle preguntaron sobre a discriminación salarial das mulleres responde literalmente no nos metamos en eso”. “O segundo son as campaña paternalistas e cousificadoras da Xunta toda unha mostra do neomachismo que retrata a visión que o PP ten das mulleres”.

Neste contexto, e precisamente a esas campañas oficiais tinguidas de paternalismo, replica o BNG, tanto no seu lema de campaña, -proclamando que “O máis grande de Galiza está até a cona...”-, como nas imaxes, -que remedan cun toque de humor a asociación de mulleres con monumentos do patrimonio arquitectónico de Galiza-.

“Por iso lle dicimos ao PP e ao señor Feixóo, e  estou segura de que o van entender, que o máis grande de Galiza está até a cona, e repito, o máis grande de Galiza está até a cona de cobrar menos salario polo mesmo traballo, de ver como as mulleres son maltratadas e asasinadas pola violencia machista, fartas de que a conciliación da vida familiar e laboral sexa unha carreira de obstáculos que recae sobre as nosas costas, e estamos fartas de que nos toque a peor parte polo simple feito de ser mulleres”, tal e como apuntou hai uns días Ana Pontón.

Esta mobilización é unha oportunidade para “dar un golpe na mesa” aos gobernos do Partido popular e dicirlles que as mulleres “estamos fartas da discriminación, da violencia machista, das desigualdades e retrocesos sociais que fan que baixemos chanzos nesa escaleira a prol da igualdade”. É por todo isto que as mulleres e homes do BNG tamén imos apoiar os paróns que hai programados e estaremos nas concentracións.

O BNG chama a secundar a folga do 8 de marzo