O BNG solicita diversas melloras para a estación de autobuses da Pobra

Captura de pantalla de 2017-06-29 18-11-22.png
Estación de autobuses da Pobra do Caramiñal
O BNG solicita diversas melloras para a estación de autobuses da Pobra

Numerosos veciños e veciñas puxéronse en contacto co BNG para reclamar diversas melloras no funcionamento da estación de autobuses do noso concello. Aínda sendo esta instalación de titularidade da administración galega é evidente a necesaria preocupación por parte da administración local a respecto do seu bo funcionamento.

A reclamación máis insistente foi a de dotar á estación de autobuses dunha entrada para peóns que sexa máis funcional que a actual. A día de hoxe o habitual é que a inmensa maioría de usuarios e usuarias da instalación accedan a ela pola entrada reservada en exclusiva para os autobuses. É evidente que a entrada actual non é a mellor solución de accesibilidade. Parécenos oportuno adaptar a estación á realidade de uso e dotar dunha entrada para peóns ao carón da entrada dos autobuses e do paso de peóns correspondente entre a parte de atrás do edificio de usos náuticos e a estación de autobuses.

Así mesmo o horario de apertura da instalación non se corresponde co horario de paso dos autobuses, de tal xeito que a primeira hora da mañá os autobuses con destino a Compostela teñen que recoller aos viaxeiros e viaxeiras fóra da estación, xa que está pechada. Evidentemente non se trata de reclamar un aumento abusivo do horario de atención ás persoas concesionarias da instalación, mais a día de hoxe hai mecanismos que permiten solucionar o problema de forma axeitada: automatismos e temporalizadores de apertura que evitarían que as persoas usuarias teñan que coller os buses no medio da estrada.

Por último, tamén foron varias as queixas relativas a insuficiente iluminación existente na estación, que provoca que nas horas sen luz solar a instalación estea escasamente iluminada. Situación que nos meses de inverno afecta a unha extensa franxa horaria.

En base ao exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte acordo:

1.- O goberno municipal xestionará coa administración galega as melloras necesarias na estación de autobuses da Pobra que permitan, cando menos, un acceso ás persoas usuarias máis directo e acorde coa realidade de uso actual. Igualmente desenvolveranse as actuacións precisas para que a estación estea aberta para todas as liñas e horarios existentes e acometeranse as melloras necesarias na iluminación e no resto de instalacións da estación para dar un servizo adecuado e de calidade.

O BNG solicita diversas melloras para a estación de autobuses da Pobra