O BNG pide máis recursos para a sanidade pública cun plan para atención primaria

Membros do Consello Comarcal do BNG no Hospital da Barbanza
Membros do Consello Comarcal do BNG no Hospital da Barbanza. Ramiro Ouviña, Adelina Ces, Xosé Vázquez e Carlos Ansoar

“Coa saúde non se xoga” adevertiron desde o Bloque

O BNG pide máis recursos para a sanidade pública cun plan para atención primaria

Un dos temas que máis alarma social está provocando na sociedade galega é o gravísimo deterioro da sanidade pública. Un deterioro que é o resultado  dos graves recortes e privatizacións que o Partido Popular leva realizado desde 2009, e que están poñendo en risco a saúde e a vida das persoas.

A política sanitaria de Núñez Feixóo á fronte da Xunta de Galiza ao longo destes anos está poñendo contra as cordas a sanidade pública e ten un fin moi claro: converter o dereito á saúde nun negocio para grupos afíns. Favorecer que uns poucos fagan negocio a costa da enfermidade.

Todos os camiños da política sanitaria do PP tiveron como fin a privatización e o desmantelamento do sistema sanitario público a base de recortes continuos e de pór os recursos da sanidade pública ao servizo de intereses privados para poder facer negocio coa enfermidade das persoas. Durante os últimos  nove anos, o PP, con Nuñez Feixóo á  cabeza, impulsou  todo tipo de medidas que afondaron neste desmantelamento: redución de orzamentos, de centos de profesionais, de máis de 700 camas, privatización masiva de servizos, derivacións de doentes a centros privados...

O membro do Consello Comarcal Ramiro Ouviña explicou que “a Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes. Nos orzamentos da Xunta deste ano 2019 destínanse 188 millóns de euros menos que os que había en 2009, cun recorte acumulado de arredor de 2.188 millóns de euros”.

“As consecuencias son tremendas” explicou “masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitucións, as listas de espera dunha semana, peche de axendas, saturacións, profesionais que ao ter que acudir a algunha urxencia teñen que deixar as súas consultas abandonadas durante horas, PACs ao limite...”

Ante esta circuntancia, o BNG da Barbanza pide que a Xunta faga un aumento do orzamento destinado a Sanidade, incluíndo o dimensionamento e estabilidade dos cadros de persoal: convocatoria de todas as prazas vacantes en todas as categorías/ contratos estábeis e dignos /substitucións d@s profesionais pola totalidade da ausencia / aumento das prazas de formación de especialistas, MIR.

Ouviña expresou que a Xunta de Galiza debe traballar na eliminación listas de espera contratando persoal e tendo operativos todos os recursos dos que dispón o Sergas, camas, quirófanos... e non realizar ningunha derivación de doentes á sanidade privada ou como no caso da Barbanza que derivan a Santiago co prexuízo que iso causa na poboación barbanzá.

Por último os nacionalistas destacan que se debe crear un Plan de Mellora de Atención Primaria que contemple o incremento do investimento até chegar como mínimo ao 20% do orzamento (no inmediato incremento de 200 millóns de euros). Recuperación das Xerencias de Atención Primaria con capacidade resolutiva e orzamentaria./ Incrementar as prazas de especialistas en pediatría e medicina familiar e comunitaria./ Mellorar os equipamentos nos centros de saúde e PACs / Garantir equipos completos de profesionais nos PACs.

O BNG pide máis recursos para a sanidade pública cun plan para atención primaria