Imprimir

BNG e Galiza Nova denuncian as actitudes antidemocráticas do Concello de Ribeira

bngabarbanza | 29 de Septembro de 2017

Membros de Galiza Nova e BNG da Barbanza
Membros de Galiza Nova e BNG da Barbanza

O responsábel comarcal do BNG, Luís Pérez Barral, declarou que "pase o que pase" ese acto vai realizarse

Membros da organización xuvenil do BNG, Galiza Nova e o propio BNG, realizaron unha rolda de prensa conxunta na que denunciaron a actitude antidemocrática do goberno municipal de Ribeira. O motivo desta denuncia ten haber coa denegación (por segunda vez) dun permiso para a realización dunha votación simbólica en apoio ao referendo e pobo catalán, que está prevista e que se vai manter para as 19h deste venres, na praza do concello de Ribeira.

Desde Galiza Nova e BNG acusan ao alcalde de Ribeira Manuel Ruiz, de extralimitarse no exercicio das súas funcións, xa que o goberno local non ten autoridade algunha para denegar a realización de actos en lugares públicos. Esta xa é a segunda vez que o concello boicotea un acto da organización xuvenil do BNG, mais nesta ocasión, o responsábel comarcal do BNG Luís Pérez, argumentou que "este acto vaise facer, pase o que pase".

Como organizacións democráticas, defendemos o dereito a decidir e denunciamos a vulneración de dereitos elementais como son o de libre expresión, libre reunión e manifestación, polo que o BNG ten todas as vías abertas e esixirá responsabilidades políticas ao goberno local.

Para rematar, Pérez Barral esgrimiu "non é lóxico que unha urna sexa máis perseguida polas forzas policiais e gobernamentais que todos os casos de corrupción".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/mocidade/bng-galiza-nova-denuncian-actitudes-antidemocraticas-do-concello-ribeira/20170929172028000886.html


© 2018 BNG da Barbanza