Imprimir

O BNG comprométese co sector do mar a defender incremento de cotas e paralizar os descartes

bngabarbanza | 31 de Maio de 2018

Visita a Lonxa Ribeira BNG
Visita a Lonxa Ribeira BNG

O grupo parlamentario do BNG, encabezado pola portavoz nacional Ana Pontón realizou hoxe unha visita a Ribeira onde mantivo un encontro co comité de empresa  do Hospital do Barbanza para analizar as demandas do centro hospitalario,  visitar a Lonxa que conta con máis de mil traballadores e novas instalacións  e abordar a actual situación do sector pesqueiro da comarca.

Na reunión cos representantes da flota de arrastre, bateerios e sector marisqueiro, Ana Pontón trasladou o compromiso do BNG ao sector pesqueiro do Barbanza a presentar diferentes iniciativas a través do grupo parlamentario do BNG na Cámara galega e no Parlamento europeo destinadas a  “paralizar a normativa de descartes, reclamar axudas para modernizar a flota, mudar o actual modelo de cotas e demandar a conservación e seguridade nos portos”.

A nacionalista recolleu  as demandas do sector sobre a necesidade de “modernizar a flota” xa que dende o ano 2007, explicou, non foi construído ningún novo barco. Para esta modernización, recalcou,  é preciso abrir unha liña de axudas porque con barcos novos seremos máis competitivos.

BNG- Sector pesqueiro RiberiaSobre o actual reparto de cotas, Pontón  asegurou que Galiza debe incrementar as capturas sobre todo de especies de grande abundancia  como o xurelo e mostrouse contraria á normativa europea de descartes que porá “en grave risco un gran número de postos de traballo en Galiza” polo que reiterou que o BNG presentará iniciativas para que a normativa europea afecte o menos posible a flota galega e de maneira especial, na comarca do Barbanza.

Pola súa parte, o sector pesqueiro tamén demandou máis conservación e seguridade no Porto de Ribeira por mor dos últimos roubos rexistrados e falta de mantemento nas instalacións.

O grupo parlamentar do BNG recolleu as reclamacións do cerco e  palangre, dos arrastreiros  tras o  acordo con Portugal que crea un agravio comparativo ao permitir a Portugal traballar na fin de semana,   o esgotamento dos bancos marisqueiros, a problemática do furtivismo, así como a preocupación na ría ante as  consecuencias da apertura da Mina de Touro.  

MAÍS DOTACIÓN DE PERSOAL PARA O HOSPITAL DO BARBANZA

Reunión Hospital Barbanza BNGTrala reunión co comité de empresa do Hospital do Barbanza, Ana Pontón denunciou  que o centro está a vivir as consecuencias dos continuos recortes sanitarios aplicados polo Partido popular. O BNG, dixo, seguirá reclamando no Parlamento galego dotar do persoal necesario esta infraestrutura, sobre todo na área de saúde mental cun psicóloga@ a tempo completo, un traballador ou traballadora social, e un  enfermeir/a especialista en saúde mental.

O Hospital tamén precisa ampliar o servizo de urxencias, laboratorio e servizo de endoscopias ademais da prestación de diálise de maneira normalizada no centro.

Finalmente, Pontón lembrou que se están producindo “desaxustes” coa comida para doentes. “A comida non está en condicións idóneas para persoas diabéticas, ou con hipertensión” e denunciou que nalgúns casos os pacientes precisan ser alimentados a través dos propios familiares e con comida procedente dos domicilios ante a mala calidade da ofrecida no hospital.

O responsábel do BNG na Barbanza, Luís Pérez Barral e diversos responsables  locais e comarcais participaron xunto  ao grupo parlamentar e a portavoz nacional, Ana Pontón nos encontros con representantes do sector pesqueiro e da sanidade na súa visita a Ribeira.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/barbanza/bng-comprometese-co-sector-do-mar-defender-incremento-cotas-paralizar-descartes/20180531182917000946.html


© 2018 BNG da Barbanza