RiberBUS, unha proposta para mellorar o transporte público

RIBERBUS, unha proposta de transporte público
RIBERBUS, unha proposta de transporte público

Galiza Nova e BNG repartirán 1.000 folletos informativos coas medidas entre as que destacan transbordo, bonificación para persoas con mobilidade reducida, maiores, desempregad@s e mocidade.

RiberBUS, unha proposta para mellorar o transporte público

O Concello de Ribeira conta a día de hoxe cunha poboación por riba dos 27.000 habitantes, o que fai necesario que o municipio conte cunha boa rede de transporte público que atenda as necesidades de desprazamentos dos seus habitantes.

Na actualidade existen liñas de conexión que unen, en maior ou menor frecuencia, as diferentes parroquias co casco urbano da vila, mais a falta dunhas tarifas a bo prezo ou a falla de opcións para combinar varios traxectos fan que sexa usado moito menos do que se podería. Desde o BNG cremos que é necesario facer unha boa planificación agora que se peonalizaron varias rúas e se pretende darlle maior relevancia ao tránsito peonil. Para o concelleiro do BNG Luís Pérez Barral, “o PP comeza a casa polo tellado, modifica o tránsito de vehículos, elimina aparcadoiros antes de mellorar o transporte público e a conexión coas parroquias”.

O plan que pretende poñer en marcha o executivo do PP, de bonificar as viaxes a 1€ non supón ningunha melloría substancial, pois na actualidade a empresa concesionaria das liñas de transporte xa aplicaba este prezo a aquelas persoas usuarias que tiñan un bono. Neste sentido, desde o BNG propoñemos habilitar os transbordos posto que o goberno municipal vai gastar moitos cartos.

O desconto para o estudantado é discriminatorio, para a responsábel de Galiza Nova na Barbanza Elvira Blanco Pérez, “é intolerábel a discriminación que o executivo do PP pretende facer, pois dependendo da parroquia que sexa terá maior ou menor desconto”. Acaso o alumnado do rural merece ter menos desconto por vivir máis afastado do núcleo urbano de Ribeira? Por outra banda, o desconto só se aplicaría se o mozo ou moza se despraza cara ao centro de ensino no que estude, por que só imos bonificar o desprazamento? Galiza Nova aposta por que o estudantado, como colectivo con baixos ingresos, teña todas as viaxes bonificadas.

Por outra banda, o plan que se pretende levar a cabo non contempla bonificacións para persoas desempregadas, xubiladas ou con mobilidade reducida. O BNG aposta por asumir que as persoas xubiladas, desempregadas e con mobilidade reducida deben ter unha bonificación adicional que axude a paliar os problemas que padecen –baixas pensións, falla de ingresos e problemas de mobilidade- co fin de mellorar a vida das veciñas e veciños que están dentro deste colectivo.

A proposta que se presenta é reducida, pois a pesar de supoñer un grande investimento económico, entre 100.000 e 150.000€, non vai contribuír a reducir o tráfico, nin vai aumentar os usuarios do transporte público no municipio, nin mellorará as frecuencias coas parroquias.

 

Ante isto, o BNG presenta unha proposta de plan de transporte público alternativa, con capacidade de transformación da prioridade no tránsito rodado en Ribeira e con descontos que farán moito máis atractivo o uso deste medio de transporte.

Proposta do BNG para un Plan de Transporte Público en Ribeira

Billete xeral a 1€: coa tarxeta de transporte billete xeral debe ter a contía de 1€ co fin de que sexa accesíbel a todas as economías e contribúa a estimular o uso do transporte público.

Mocidade: as mozas e mozos do Concello de Ribeira terán un desconto adicional con respecto ao billete xeral (1€) independentemente de cal sexa o seu destino ou parada (o PP só pretende subvencionar viaxes ao instituto).

Persoas desempregadas, xubiladas e con mobilidade reducida: as persoas que acrediten estar nalgún destes tres colectivos beneficiaranse dun desconto adicional ao do billete xeral (1€).

Transbordo: todas as persoas usuarias do transporte público que dispoñan de tarxeta, beneficiaranse do transbordo entre autobuses sempre e cando se realice nos seguintes 30 minutos seguintes ao pagamento do billete do primeiro percorrido.

Transporte universitario: o estudantado universitario beneficiarase da bonificación que actualmente existe. O Concello de Ribeira negociará coas empresas o posíbel retorno dos bonos non empregados.

Infraestruturas: o goberno municipal debe comprometer unha partida orzamentaria para mellorar o estado de limpeza e accesibilidade das marquesiñas. Sinalizará cun poste aquelas paradas que non conten con marquesiña e mellorará a información das frecuencias e horarios.