Orzamento Ribeira 2017: cifras, datos e posición do BNG

Membros do BNG no salón de Plenos de Ribeira. Imaxe: Carmela Queijeiro. La Voz de Galicia
Membros do BNG no salón de Plenos de Ribeira. Imaxe: Carmela Queijeiro. La Voz de Galicia
Orzamento Ribeira 2017: cifras, datos e posición do BNG

Por que o BNG se abstivo?

Desde a asemblea do BNG considerouse que estes orzamentos conteñen eivas pero tamén medidas positivas para a veciñanza da localidade e por iso se tomou a decisión de absternos, sempre tendo presente o mellor para as veciñas e veciños de Ribeira.

 

>> Aspectos do Orzamento de 2017 que consideramos positivos:

Non hai incremento nas taxas e impostos como consecuencia da conxelación de prezos das ordenanzas fiscais aprobadas no pleno e a lixeira redución no imposto de vehículos “rodaxe” promovida polo BNG no ano anterior.

Mantense o importante investimento en política social cun orzamento total de 1,7 millóns de euros e un aumento de 70.000€ para o programa de axuda no fogar. Tamén se dedica 89.000€ para o Centro de Información á Muller que merece atención especial para loitar contra a violencia machista.

Inclúense propostas do BNG como as peonalizacións das rúas Rosalía de Castro, Galiza e Cristóbal Colón por valor de 174.000€, a 1ª anualidade para remodelar o centro social e crear un auditorio en Corrubedo por valor de 71.000€ ou o saneamento no lugar das Barrosas por valor de case 68.000€, as obras de saneamento e seguridade viaria que se realizarán na avenida Castelao de Aguiño por valor de 218.555€.
Alén do anterior hai que incluír as partidas orzamentarias do programa Ribeira Atlántica 2020 nos que o BNG participa e todas as obras de saneamento e obras de caracter social que o BNG apoia por seren beneficiosas para a veciñanza e o tecido empresarial e económico.

A biblioteca ten aumentado o horario grazas á presión exercida polo estudantado e o BNG, vanse ver melloradas as instalacións coa remodelación dos servizos. No orzamento tamén vai unha partida de 6.000€ para consolidar a Feira do Libro e haberá un aumento de aproximadamente 40.000€ nas partidas destinadas aos clubes deportivos.

O endebedamento está nuns límites soportábeis xa que non debe ser superior ao 110%. Os datos son os seguintes: no ano 2015 era do 57,22%; no ano 2016 era do 42,25% e no ano 2017 é do 48,08%

 

>> Aspectos do Orzamento de 2017 que consideramos negativos:

Consideramos como moi negativo a falta de transparencia e a participación dos grupos políticos da Corporación Municipal pois só tivemos 1 semana para poder estudar todos os documentos que conforman o Orzamento de 2017. Tamén existe unha falta de transparencia ao haber 818.500€ opacos que os grupos políticos non podemos fiscalizar. Desde o BNG criticamos a celebración do pleno ás 13:30h pois entendemos que debería ser ás 20:00h, como é habitual, para facilitar que a xente puidese acudir e escoitar as diferentes posicións dos grupos municipais.

Ribeira segue sen contar coa histórica demanda de chan industrial, consideramos que esta debe ser unha das primeiras medidas dun plan de emprego. Alén do chan industrial, o Concello de Ribeira segue sen contar cun plan de emprego, pois non se fixo ningún estudo que detecte as carencias, problemas, oportunidades e cara onde debemos ir para que Ribeira reduza as súas cifras de desemprego, precariedade e emigración sobre todo da mocidade.

suposto Plan de Emprego Local que se intenta vender está distorsionado pois parte deses postos de traballo son os mesmos que se contratan anualmente de xeito temporal para a tempada estival (socorristas, técnicas/os de turismo, peóns de brigadas contraincendios, auxiliares de policía, etc). Inténtasenos pasar por un plan de emprego a contratación de 6 bolseiras ou bolseiros durante 6 meses e parece máis para camuflar as necesidades reais que teñen os servizos públicos que un plan de emprego (necesidades agravadas polos recortes e políticas do Partido Popular que impiden contratación de persoal).

Neste mesmo sentido a nosa proposta foi a de crear unha bolsa de prácticas ou contratos temporais dun ano e non de 6 meses para contribuír a que as persoas tituladas polas universidades galegas teñan experiencia de traballo, mellorando así a súa posibilidade de acceder aos primeiros traballos.

Debería haber máis accións decididas ao apoio e dinamización do comercio local e non só feiras. Non existen partidas que contribúan a consolidar e dinamizar o comercio de proximidade.

Non se tivo en conta a proposta que fixo o BNG para instaurar billetes a metade de prezo para persoas mozas, desempregadas e con mobilidade reducida. A proposta que se fai de ter un autobús entre a estación de autobuses e as Saíñas (rotonda do Lidl), está mal enfocada, non vai ser de utilidade, xa que non vai reducir o número de vehículos que entran ao centro urbano de Ribeira, nin mellora a mobilidade entre parroquias.

Existe un incremento do gasto en cuestións que o BNG xa tiña advertido, como por exemplo na innecesariaprivatización do persoal deportivo aprobada por PP e IPR no seu día. A opción proposta polo Bloque que sería máis barata xa que se faría mediante a oferta pública de emprego. Outro exemplo é o aumento do contrato de Sogama no que se pagará 1,60% máis por tonelada de lixo, pagamos máis por queimar os residuos e non reciclaclos.

Tampouco existe unha política turística clara e definida, as accións que se fan son moi dispares e restan eficacia.
Con respecto ao medio natural, Illas Atlánticas e Parque Natural de Corrubedo hai que poñelo en valor, o patrimonio natural está completamente abandonado. O parque leva moitos anos sen contar cos documentos reitores e de xestión que tanta falta fan para que a veciñanza poida empregar os seus terreos. É prioritario que os investimentos que se realicen no parque teñan tamén como persoas beneficiarias aos propietarios/as de terreos do interior do parque natural, para que vexan que o parque natural é un beneficio e non só restricción.

 

Outros datos de interese:

No capítulo de gastos en bens e servizos correntes as amortizacións diminúen un 14,81% ao haber unha cancelación dun préstamo de 2006 e tamén 143.000€ menos grazas á axuda da Deputación da Coruña coa súa política de reducir a débeda con provedores e empresas.

Con respecto ao capítulo de investimentos reais hai un importante incremento, sobe un 241,94% (no ano 2016 foi un 18,24%). Aproximadamente o 93,33% dos investimentos fináncianse con recursos alleos (FEDER-EDUSI, préstamos, Deputación da Coruña e Xunta de Galiza), o 6,67% (29,85% 2016) restante dos investimentos financiase con fondos propios.

As políticas de tranformación emprendidas polo novo equipo (BNG-PSOE) na Deputación da Coruña FAN que os fondos que recibe Ribeira sexan de 1.316.268€ fronte aos 666.000€ co PP. A Xunta de Galiza tan só destina 109.182,30€, 45.000 menos que o ano 2016.

 

Que propostas ten o BNG?

O BNG seguirá traballando para que se teñan en conta as seguintes cuestións que consideramos moi beneficiosas para a veciñanza:

- Implantación dunha tarxeta de autobús a metade de prezo para persoas desempregadas, xubiladas, mocidade e persoas con mobilidade reducida.
- Creación de chan industrial.
- Elaboración dun Plan de Emprego Local que detecte as eivas, fortalezas e posibilidades coas que conta Ribeira co fin de crear postos de traballo e loitar contra a emigración xuvenil.
- Aumento dos fondos para dinamización do comercio local e axuda ao fomento do emprego estábel.
- Aumento na partida de mantemento para equipamentos públicos.
- Posta en valor do parque natural de Corrubedo, loitar para contar cun Plan de Usos e Xestión que permita que os propietarios e propietarias do parque natural poidan traballar as súas terras.
Facer que as persoas propietarias de terreos no parque natural teñan prioridade na obtención de fondos e postos de traballo que teñan relación co parque natural.
- Creación dunha comisión de vixilancia das obras que se realizan para evitar erros e problemas na súa execución.

O Orzamento de 2017 do Concello de Ribeira ascende á cantidade total de 28.596.464,18€ e foi aprobado cos votos a favor do PP, IPR e C’s, abstención de BNG, PSOE e 2 edís non adscritas, 1 voto en contra dun edil non adscrito.