O BNG ribeirense quere crear un servizo municipal de guindastre

Vicente Paz e Luís Pérez
Vicente Paz e Luís Pérez

a mala xestión de Ruiz Rivas provoca que o concello perda entre 26€ e 100€ por cada servizo”

O BNG ribeirense quere crear un servizo municipal de guindastre

En outubro de 2017 o Bloque Nacionalista Galego presentaba no rexistro unha iniciativa cunha serie de preguntas sobre o funcionamento do servizo de guindastre no Concello de Ribeira. Tras dous meses agardando unha contestación, o goberno local respostou as preguntas realizadas polo noso grupo municipal nas cales asegura que pretende facer que o servizo estea privatizado.

O BNG cuestionou se o goberno tiña previsión de sacar a licitación ou municipalizar o servizo e respostou que “o servizo será licitado de inmediato”, polo que as pretensións do goberno do Partido Popular pasan por un servizo privatizado e máis caro para as arcas públicas. En relación ao custe económico da utilización do servizo o concelleiro Luís Pérez Barral explicou que “cada servizo de guindastre ten un custe de 100€ e unha sanción por este motivo aparella un importe de 74€, co cal o custe para o Concello é de 26€ por servizo prestado e de 100€ para servizo anulado”.

Ante estes feitos, o BNG critica a mala xestión que está a realizar o equipo de goberno, pois temos a seguridade e así se nos confirmou por parte do sector, que de se realizar o servizo con empresas locais a contía sería moito máis económica. Desde o BNG queremos amosar o rexeitamento a que un servizo imprescindíbel como o mencionado, sexa xestionado por empresas que non están localizadas no termo municipal.

Por outra banda, entendemos que a veciñanza non debe pagar a mala xestión do goberno ribeirense, pois en cada servizo pérdense 26€ no mellor dos casos ou 100€ de ter que anular o servizo unha vez solicitado.

Desde o Bloque entendemos que estamos no momento preciso para apostar pola municipalización do servizo de guindastre. A municipalización conlevaría o beneficio de termos un servizo máis económico e daría opción de xerar emprego público estábel e de calidade. A proposta do BNG é ir por este camiño polo que instaremos no vindeiro pleno municipal a que o goberno local de Ribeira aposte por prestar este servizo de maneira pública. Finalmente o BNG tamén recomenda que a contía das multas e retirada de vehículos se destine a melloras na seguridade viaria como poden ser pintados, iluminación ou reparacións do firme.