O BNG recolle ducias de queixas pola falta de limpeza e recollida de lixo e pide unha reunión co goberno e a nova empresa concesionaria

Os concelleiros Luís Pérez e Xosé Vázquez presentaron a iniciativa relativa a mellorar a limpeza e recollida de lixo.
Os concelleiros Luís Pérez e Xosé Vázquez presentaron a iniciativa relativa a mellorar a limpeza e recollida de lixo.

Acusan ao goberno municipal de desidia pola situación actual e escurantismo por non informar dos plans á Corporación Municipal

O BNG recolle ducias de queixas pola falta de limpeza e recollida de lixo e pide unha reunión co goberno e a nova empresa concesionaria

A finais de abril, coñecíamos a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) na que se resolvía favorabelmente para o Concello de Ribeira e Recolte o recurso de casación que presentara Urbaser ante o procedemento de adxudicación do contrato de limpeza urbana, recollida de lixo e xestión do punto limpo de Ribeira.

O goberno ribeirense acordou con Recolte (a nova empresa que xestionará o servizo de limpeza, recollida de lixo e xestión do punto limpo) que hai un plano de traballo temporal de 6 meses para mudar o sistema de recollida de residuos. Este anuncio deuse a coñecer a través dos medios de comunicación deu esta mesma semana de finais de agosto sen que as organizacións políticas da Corporación Municipal fosen informadas sobre o contido dese plano de traballo.

Unha vez máis este goberno, en minoría, decide optar polo escurantismo e non informar das accións que se pretenden levar a cabo no municipio. O caso é especialmente rechamante por se tratar dun servizo fundamental e do que de maneira xeral, pero agravado nos últimos meses, hai un descontento e malestar xeral entre a poboación do municipio.

Non son inusuais as queixas pola falta de papeleiras ou de limpeza nas beirarrúas de Ribeira, cuxo exemplo de máximo “esplendor” é a Avenida do Malecón nos meses de verán coas papeleiras botando por fóra e as lousas do chan completamente luxadas e negras. Do mesmo xeito existe unha evidente falla de planificación nos meses de verán, pois podemos ver contedores completamente cheos durante varios días por calquera das parroquias, mesmo en zonas tan concorridas como Corrubedo ou Castiñeiras. A pesar de que esta situación que xa ten sido advertida polo BNG en anos anteriores, nada se fixo.

Con respecto á roza das cunetas e beiravías, este ano houbo un considerábel atraso e as beirarrúas e cunetas estaban cheas de maleza, feito que ocasionou problemas de tránsito en zonas como Artes, Carreira, Aguiño, etc pois non foron rozadas até ben entrado o mes de xullo.

En relación cos contedores, existen varios inconvenientes que describimos a continuación de maneira breve. A hostalaría e comercios de Ribeira teñen serios problemas para depositar os seus residuos porque son negocios que xeran unha cantidade elevada de papel e cartón, malia isto, estes envases fican fóra do contedor, esta situación debería resolverse.

Outro dos problemas que existen na actualidade é que os contedores están dispersos por todos os puntos do municipio e non é raro ver lugares onde só hai un colector de residuos orgánicos, algo que non facilita a separación do lixo. Desde o BNG consideramos que sería unha boa opción, reducir o número de puntos onde se localizan estes recipientes, mais que alí onde se empracen os haxa de todas as fraccións (orgánico, papel-cartón e plásticos e envases lixeiros). Tampouco estaría mal que se habilitasen contedores para recoller o aceite doméstico, unha vella demanda da veciñanza ribeirense.

Os problemas son evidentes en todo o municipio e o goberno municipal no canto facer unha xestión transparente opta por ocultar información moi relevante para a veciñanza e nin tan sequera dá conta ao resto da Corporación Municipal para poder desenvolver o noso labor de fiscalización, control e seguimento.

O BNG puxo unha campaña de participación veciñal nas redes sociais e en tan só 2 días rexistráronse ducias e ducias de queixas relativas á falla de limpeza en xeral por todo o municipio e problemas coa recollida de lixo. O goberno municipal ten a responsabilidade máxima desta situación mentres nada fan por darlle solución.

É por todo isto que o Bloque Nacionalista Galego de Ribeira, solicita:

Que o Concello de Ribeira convoque unha xuntanza onde estean presentes, membros do goberno municipal, responsábeis de Recolte e os grupos municipais que integran a Corporación Municipal co fin de coñecer o desenvolvemento do plan que se ten previsto levar adiante e tratar os problemas de limpeza, recollida de lixo e falta de rozas en todo o municipio.