O BNG pide eliminar as especies invasoras dos espazos naturais

Elvira Blanco e Xosé Vázquez Cobas
Elvira Blanco e Xosé Vázquez Cobas

A formación nacionalista ironiza "se non se fai nada, nuns anos poderemos ver á píllara intentando sobrevivir nun hábitat tropical"

O BNG pide eliminar as especies invasoras dos espazos naturais

Van alá máis de 150 anos desde que se acuñou o termo ecoloxía e da importancia desta ciencia multidisciplinar, é boa mostra os innumerábeis regulamentos, leis, códigos e declaracións feitas no seu nome. No BNG consideramos fundamental o traballo municipal na consecución de municipios ecolóxicos e sostíbeis. Pretendemos que o Concello de Ribeira desenvolva accións cara conseguir o obxectivo de ser concello ecolóxico. Un concello que queira ser definido como tal ten que cumprir altos parámetros en áreas tan diversas como: o uso da auga, redución do lixo, cambio climático, consumo responsábel, política enerxética ou saúde e medio natural. Precisamente na atención ao medio natural, á flora e biodiversidade neste concello hai traballo que facer tanto no apartado de conservación das especies autóctonas e propias en perigo de extinción, como no de eliminación dos elementos estraños ao noso ecosistema, como son as especies exóticas invasoras (EEI),moi especialmente as que poden afectar ás condicións ambientais, a cadea trófica e os ciclos de nutrientes ( vexase o anexo fotográfico da praia do Castro). Tarefa para a cal é precisa a implicación da veciñanza.

"Se queremos evitar impactos moi graves no futuro destas especies exóticas invasoras (EEI) que na actualidade xa son unha ameaza que despraza as especies autóctonas dos nosos ecosistemas debemos actuar de xeito programado" explicou o voceiro municipal Xosé Vázquez Cobas.

"Vemos como só se actúa en contadas ocasións na illa de Sálvora ou no parque natural de Corrubedo, queremos que as accións de erradicación de espcies alóctonas se estanda por todo o municipio, para non só protexer a flora e fauna autóctonas de hoxe, senón tamén a do futuro" argumentou Vázquez Cobas acompañado da bióloga e responsábel local Elvira Blanco.

Por esta circunstancia, o BNG solicítalle ao Concello de Ribeira o seguinte:

1º Que a concellería de medio ambiente elabore un plan de control, erradicación, seguimento e monitorización das especies exóticas invasoras (EEI) presentes no noso concello, con especial fincapé, nas zonas protexidas, sistemas dunares e praias.
2º Que dito plan, cando menos, inclúa unha campaña de sensibilización informativa e formativa por medio de charlas nos centros educativos, dípticos e actividades de campo para a cidadanía.
3º Que se promova un Voluntariado Ambiental que colabore neste labor.