O BNG pelexará para que os mariñeiros non vexan reducidos os seus dereitos laborais

A concelleira Pilar Sampedro e o edil Xosé Antonio Vázquez Cobas no porto de Ribeira
A concelleira Pilar Sampedro e o edil Xosé Antonio Vázquez Cobas no porto de Ribeira

A concelleira e responsábel de asuntos pesqueiros, Pilar Sampedro, esixe o cese do director da mariña mercante por descoñecer a realidade da pesca galega

O BNG pelexará para que os mariñeiros non vexan reducidos os seus dereitos laborais

O Real Decreto 1311/2007, de 5 outubro establecía novos criterios para determinar a pensión de xubilación do Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar, dun modelo instaurado nos anos 70 para a Mariña Mercante que se baseaba en aplicar un coeficiente redutor na idade de xubilación en función da zona que navegase o barco. Zonas que viñan reguladas a través dunha Ordenanza de Traballo da Mariña Mercante do 20 de maio de 1969.

 

Este vello modelo, completamente desfasado, tivo que ir modificándose para actualizar os coeficientes redutores aplicábeis á pesca, incluíndose novas actividades que estaban excluídas como o marisqueiro, os percebeiros, bateeiros, etc. Este criterio caduco foi substituído por un novo baseado no tipo de buque, sen chegar aínda ao fondo da cuestión: o dereito a reducir a idade mínima de xubilación naquelas actividades profesionais de natureza penosa, tóxica, perigosa e insalubre nas que se acusen elevados índices de morbilidade ou sinistralidade, así como aquelas que impliquen unha continua separación familiar e alonxamento do fogar.

 

Aínda así, con esta nova normativa até finais do 2015, a frota galega que faena en augas internacionais (cefalopodeiros, palangreiros, arrastreiros, etc) estaban considerados “conxeladores” polo que se lles aplicaba o coeficiente máximo de 0,40. Isto é, que con 25 anos enrolado un tripulante tería dereito a se xubilar aos 55 anos.

 

O pasado ano, o Goberno español (Dirección da Mariña Mercante, dependente do Ministerio de Fomento), a través dunha orde interna, modificou a aplicación destes coeficientes, de xeito que agora unicamente considera buques “conxeladores” aquelas embarcacións que teña una eslora de máis de 70 m e capacidade superior ás 1.000 TRB. O resto, dadas as súas menores dimensións, pasan a ser considerados buques “fresqueiros” sen teren en conta nin a actividade, nin a zona de pesca, nin as condicións de vida a bordo. Segundo explicou a concelleira nacionalista Pilar Sampedro “pretenden aplicárlles unha rebaixa no coeficiente de 0,40 ao 0,25-0,35, o que evidencia unha absoluta miopía por parte deste departamento de “secano”.

 

Esta medida afecta básicamente a Galiza, primeira potencia pesqueira do Estado, e cun tipo de frota que é, a que resulta penalizada. Segundo a Pilar Sampedro en ”en Ribeira vanse ver afectadas unhas 17 embarcacións con base no porto ribeirense polo que o número de afectados é elevado, iso sen contar cos mariñeiros ribeirenses enrolados en embarcacións con porto base noutros lugares”.

 

Con esta medida vense afectados os traballadores da frota palangreira, a frota cefalopodeira e o resto da frota arrastreira que non alcance as novas condicións establecidas por Madrid con independencia de que pesque nas Malvinas, en NAFO ou en calquera outro mar do mundo. Prexudícase así a milleiros de mariñeiros galegos que verían aumentada a súa vida laboral e sufrirían unha grave discriminación a respecto daqueles buques que cumpran as condicións de tamaño: atuneiros e algúns arrastreiros de fondo, que verán como desenvolvendo a mesma actividade, no mesmo caladoiro e en peores condicións de habitabilidade, verán diminuídos os seus dereitos de xubilación polo tamaño do barco. Esta decisión do Goberno español resulta inasumíbel e surrealista para os tempos que corren.

 

Por iso, o BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal, a adopción do seguinte acordo:

 

A) Manifestar o apoio deste Concello ás tripulación embarcadas en buques que faenan en augas internacionais, e reclamar do Goberno español e do Ministerio de Fomento a retirada da orde interna da Dirección da Mariña Mercante de modificación dos coeficientes redutores para os conxeladores.

B) Revisar de oficio todas as pensións que se resolveron co actual procedemento para impedir a discriminación a respecto dos que historicamente se lle recoñeceu o 0,40. Restituír a legalidade e o sentido común.

C) Solicitar unha revisión profunda do caduco modelo baseado na zona e o tamaño da embarcación para ir a un novo que incentive as condicións reais das actividades profesionais da pesca, recoñecendo aquelas que teñen maior penosidade, perigosidade , sexan insalubres e provoquen sinistralidade e altas morbilidades.

D) Solicitar o cese do Director Xeral da Mariña Mercante por incompetente e por descoñecer a realidade da pesca, ao aplicar criterios discriminatorios que conculcan os dereitos fundamentais dos traballadores galegos.Reprobar á titular do Ministerio de Fomento por consentir esta tropelía e non responder ás demandas levadas a cabo polos sindicatos e a patronal pesqueira dende o 2015.

E) Trasladar este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, presidente do Goberno español e grupos parlamentares do Parlamento de Galiza e Congreso dos Deputados.