Galiza Nova chama a secundar a folga estudantil do 16-F

A responsábel local Elvira Blanco e os concelleiros do BNG Xosé Vázquez e Luís Pérez. Foto La Voz de Galicia. Marcos Creo
A responsábel comarcal e o responsábel de organización de Galiza Nova Barbanza, Elvira Blanco e Luís Pérez respectivamente, chaman a baleirar as aulas e encher as rúas en defensa do ensino público galego
Galiza Nova chama a secundar a folga estudantil do 16-F

Dende Galiza Nova chamamos a toda a mocidade da Barbanza a secundar a folga convocada para este xoves 16 de febreiro pola organización estudantil galega, ERGUER. Estudantes da Galiza. Nesta comarca haberá dúas mobilizacións: unha en Ribeira, manifestación ás 12h dende o IES Nº1; e outra en Boiro, tamén ás 12h, concentración na Praza do Concello.

É fundamental baleirar as aulas e encher as rúas para tumbar dunha vez por todas o modelo educativo do Partido Popular, que precariza e españoliza o noso ensino por completo.

Foi necesario saír á rúa múltiples veces para loitar contra a implantación da LOMCE e finalmente tumbar as reválidas. Máis isto non é suficiente. Aínda hai aspectos moi lesivos para o ensino nesta lei que nos queren impoñer dende Madrid:

- A LOMCE é unha lei que ataca o noso idioma e reduce a súa presenza como lingua vehicular.
- Fomenta un método de ensino e avaliación memorístico e antipedagóxico.
- Dálle prioridade ao financiamento de centros privados e aos que segregan o alumnado por sexo.
- Dá pé á aplicación de recortes no financiamento dos centros públicos, empeorando a calidade da ensinanza que recibe o alumnado galego.

Ademais disto, o Partido Popular tamén aprobou o Decreto 3+2 para o ensino universitario, unha forma encuberta de baleirar de contido os graos e encarecer a nosa formación.

Dende Galiza Nova entendemos que tanto a LOMCE como o Decreto 3+2 atentan contra o noso dereito a un ensino público, galego, de calidade, laico e non patriarcal.

A autoorganización do estudantado é realmente necesaria, para iso, para construír un modelo educativo de noso, no que os e as estudantes teñan voz e no que se analicen as necesidades e problemáticas do noso ensino para darlles a resposta adecuada.

Só con mobilizacións seremos quen de derrubar todas as medidas que precarizan o noso ensino. Por iso dende Galiza Nova animamos a toda a mocidade a acudir ás mobilizacións convocadas para este xoves 16 de febreiro. Vémonos na manifestación que sairá ás 12h do IES Nº1, e na concentración na praza do concello de Boiro.

Galiza Nova chama a secundar a folga estudantil do 16-F