Galiza Nova e BNG reivindican unha Galiza diversa no día LGTBI

Membros de Galiza Nova co mural LGTBI
Membros de Galiza Nova co mural LGTBI
Galiza Nova e BNG reivindican unha Galiza diversa no día LGTBI

Un ano máis, desde Galiza Nova e o BNG queremos amosar o noso recoñecemento ás persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI). O 28 de xuño é unha xornada de reivindicación para nós e debe selo para todos/as. Día de loita porque hoxe aínda non se acadou unha normalización social de respecto á liberdade e diversidade sexual das persoas e mesmo sectores da dereita e relixiosos pretenden limitar dereitos e dar pasos atrás.

 

É necesaria a implicación das institucións e dos poderes públicos e da sociedade en xeral para acadarmos unha normalidade plena mediante políticas de sensibilización, condena de actos discriminatorios, educación afectivo-sexual, pulo polo respecto á liberdade individual da escolla sexual, etc. Estes motivos levan a Galiza Nova e ao BNG a manifestarmos publicamente que traballamos e defendemos os dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais, pulando pola igualdade de dereitos e a normalización social de todas estas opcións de vida que aínda padecen discriminación social.

 

Neste ano queremos facer máis visíbel que existe unha Galiza diversa, é por isto que imos facer unha serie de murais polos concellos da Barbanza que conciencien á poboación de que é necesario avanzar no respecto e a tolerancia cara a diversidade para que calquera persoa poida amosar libremente a súa sexualidade sen prexuízos. É preciso reivindicarmos unha Galiza diversa na que non haxa discriminación por razón de orientación sexual e que se poida vivir en igualdade e respecto cara a diversidade.