Galiza Nova e BNG fan unha campaña informativa do plan de transporte RiberBUS entre a mocidade

RIBERBUS
RIBERBUS

Os nacionalistas repartiron preto de 1.000 folletos informativos coas medidas entre as que destacan transbordo, bonificacións extra para persoas con mobilidade reducida, maiores, desempregad@s e mocidade.

Galiza Nova e BNG fan unha campaña informativa do plan de transporte RiberBUS entre a mocidade

Na actualidade existen liñas de conexión que unen, en maior ou menor frecuencia, as diferentes parroquias co casco urbano da vila, mais a falta dunhas tarifas a bo prezo ou a falla de opcións para combinar varios traxectos fan que sexa usado moito menos do que se podería. Desde o BNG e Galiza Nova cren que é necesario facer unha boa planificación agora que se peonalizaron varias rúas e se pretende darlle maior relevancia ao tránsito peonil.

Ambas formacións cren que o PP comeza a casa polo tellado creando un caos, pois modifica o tránsito de vehículos, elimina aparcadoiros antes de mellorar o transporte público e a conexión coas parroquias.

O plan que se pretende levar a cabo non contempla bonificacións para persoas desempregadas, xubiladas ou con mobilidade reducida. O BNG e Galiza Nova apostan por asumir que as persoas xubiladas, desempregadas e con mobilidade reducida deben ter unha bonificación adicional que axude a paliar os problemas que padecen –baixas pensións, falla de ingresos e problemas de mobilidade- co fin de mellorar a vida das veciñas e veciños que están dentro deste colectivo.

Outra das grandes eivas do plan de Ruiz Rivas é que non inclúe a proposta de transbordo como solicitaba o Bloque polo que as persoas que vaian dunha parroquia a outra terán que seguir pagando máis dun billete. Desde o BNG estase a traballar para o cambio de bus en menos de 30 minutos sexa gratuíto.

Malia todo o anterior, o traballo do BNG si conseguíu melloras no plan inicial do Concello como son evitar as discriminacións ao estudantado, xa que antes só se prevía bonificar as viaxes ao instituto e serían máis custosas para o alumando do rural.

A proposta que se presenta é reducida, pois a pesar de supoñer un grande investimento económico, 122.000€, non vai contribuír a reducir o tráfico, nin vai aumentar os usuarios do transporte público no municipio, nin mellorará as frecuencias coas parroquias.

Ante isto Galiza Nova explicou que están esta semana percorrendo os centros educativos para presentarlle á mocidade unha proposta de plan de transporte público alternativa, con capacidade de transformación da prioridade no tránsito rodado en Ribeira e con descontos que farán moito máis atractivo o uso deste medio de transporte. Cremos que serán o colectivo máis beneficiado se conseguimos provocar un cambio para ter unhas boas conexións.