PONTÓN: Galiza non pode quedar discriminada ante o cambio institucional

PONTÓN: Galiza non pode quedar discriminada ante o cambio institucional
PONTÓN: Galiza non pode quedar discriminada ante o cambio institucional

Presentou en Rianxo  o documento Bases democráticas, proposta do BNG para superar o corsé da Constitución e do Estatuto

PONTÓN: Galiza non pode quedar discriminada ante o cambio institucional

A portavoz nacional do BNG reivindica en Rianxo un “novo status político ” para Galiza nun momento no que se producirán grandes cambios a nivel de Estado.

No Auditorio Municipal de Rianxo acompañada do alcalde nacionalista, Adolfo Muíños,  así como de responsables municipais e comarcais  da Pobra, Ribeira e Noia,  a portavoz nacional do BNG presentou as Bases Democráticas para unha nova Galiza,  un documento que pretende ser  un punto de partida para iniciar un  debate entre as forzas políticas, axentes económicos, sociais e culturais destinado a  evitar que Galiza perda posición e poder político. O noso país, dixo, “debe dar un paso adiante desde  o recoñecemento de Galiza como nación”, e urxe facelo nun momento no que se producirán grandes  cambios a nivel de Estado. “Galiza non pode quedar fora dese cambio no actual marco institucional, non pode quedar atrás nin discriminada, debemos dar un paso adiante para gañar dereitos sociais, económicos e culturais”. 

Pontón recalcou que “un  novo status para a nación galega” significa abordar  un novo sistema financeiro, mais  capacidade fiscal, un concerto económico beneficioso para o noso país e para o pobo, xestionar  infraestruturas como a AP9 e os aeroportos, decidir sobre o noso  sector enerxético, e mudar unha  política forestal “fracasada” como demostrou a vaga de incendios do 15 de outubro ademais de apoiar os nosos sectores económicos vitais como son o pesqueiro, marisqueiro ou conserveiro de tanta relevancia nesta comarca.

 “Ter e exercer o autogoberno implicaría contar con ferramentas necesarias  para mellorar as condicións de vida de todos e todas as  galegas”, remarcou.

O actual Estatuto e a Constitución non permitiron que Galiza puidera desenvolver todo o noso potencial e hai problemas estruturais que seguen estando presentes e mesmo foron agudizados nestes anos de crise, explicou. Ademais nas últimas décadas de réxime constitucional e estatutario, Galiza saíu perdendo e vémonolo na grande emigración, precarización laboral, desmantelamento dos sectores económicos fortes galegos, etc.

A portavoz do BNG criticou a  “recentralización política” impulsada polo Partido popular e partido socialista da que dixo, resultou  “unha receita letal” para o noso país, para a nosa economía, a nosa lingua e a nosa cultura. Pontón  insistiu na necesidade de dar un “xiro ao poder político galego” porque de non ser así, advertiu,  veremos como Galiza sae “moi mal parada” do novo escenario político que se está a abrir". Finalmente apuntou que "no BNG cremos que Galiza ten un enorme potencial, o pobo galego é traballador e solidario, podemos facer deste país un lugar moito mellor e con máis dereitos no que poder vivir, só temos que crelo e dar un paso adiante".

Encontro social con entidades

Previo ao acto público organizado polo BNG, ao que acudiron máis dun cento de persoas, a portavoz nacional Ana Pontón, acompañada do alcalde rianxeiro Adolfo Muíños e o responsábel do BNG na Barbanza Luís Pérez, mantivo un encontro con diversas entidades e colectivos sociais, económicos e empresariais da bisbarra; desde confrarías, mariscadoras, plataforma da sanidade, asociacións veciñais, comunidades de montes, comunidades de augas, asociacións culturais e un longo etcétera. Neste encontro os responsábeis do Bloque puideron escoitar destes colectivos a situación que atravesan e permitirálles facer unha radiografía da realidade así como tratar de procurarlle solución.