O BNG solicita mellorar o financiamento

Os membros do BNG Silvia Varela, Luís Pérez, Adelina Ces, Raquel Suárez e Carlos Ansoar diante da sede de facenda.
Os membros do BNG Silvia Varela, Luís Pérez, Adelina Ces, Raquel Suárez e Carlos Ansoar diante da sede de facenda.
O BNG solicita mellorar o financiamento

Co actual modelo de financiamento Galiza recibe o que se acorda desde Madrid, sen capacidade para exercermos unha política fiscal propia, isto vén a dicir que o Estado recada en Galiza máis do que logo se destina desde Madrid.

En palabras do viceresponsábel do BNG na Barbanza, Luís Pérez Barral “defendemos un concerto económico fronte a un café para todos que nos permitiría ter o control dos nosos recursos e aportaría 3500 millóns de euros máis para blindar os servizos públicos como son ensino, sanidade e servizos sociais”.

Co concerto económico habería a posiblidade de facer unha fiscalidade máis xusta adaptada á realidade do noso país, xa que, actualmente os concellos galegos reciben 50€ menos por habitante que a media do que reciben os concellos de España, o que supón unha perda de 116 millóns de euros anuais.

A modo de exemplo as seis urbes principais de Galicia, con 920 mil habitantes, reciben menos no seu conxunto ca cidades máis pequenas com Sevilla ou Zaragoza.

Ante a situación anterior Pérez Barral preguntou “Euskadi e Catalunya xa teñen un concerto económico cos que saen gañando e cos que poder garantir os servizos públicos, por que Galiza non pode seguir o mesmo camiño? Por que o Estado español se empeña en seguir discriminando a Galiza e o PP non fai nada por impedilo?

Desde o BNG imos traballar para que isto non ocorra e defenderemos o que cremos que é de xustiza, porque precisamos ese financiamento para os nosos servizos públicos e garantir unha boa atención aos nosos veciños e veciñas.

Por todo o anterior, desde o BNG:

a) Defendemos un novo acordo de financiamento para Galiza, baseado no concerto económico, na atribución a Galiza da plena capacidade normativa e responsabilidade fiscal sobre todos os impostos soportados en Galiza, para asegurar a consecución efectiva do principio de progresividade fiscal no sistema impositivo.

b) Demandamos, con base no modelo de concerto económico, a territorialización completa dos tributos do sistema fiscal soportados en Galiza, con capacidade normativa plena para os adaptar ás necesidades de Galiza e para dotar o goberno galego dun elemento esencial de autogoberno: a política fiscal.

c) Instamos a que se impulse a creación dunha Axencia Tributaria Galega.

- A transferencia aos concellos galegos, con base nun modelo propio de financiamento local, dos recursos necesarios para atenderen as súas competencias e servizos locais con criterios propios que permitan unha adaptación ás características do territorio e da organización local galega

d) Instamos a que se promova a creación dun mecanismo de redistribución interterritorial vinculado á renda relativa, que sirva de elemento verdadeiro para a redución das actuais diferenzas nos niveis de servizos e infraestruturas e que contribúa a unha verdadeira converxencia nos niveis de renda entre os diversos territorios do Estado.