O BNG rexeita a violencia machista baixo o lema "a manada é o sistema"

O BNG contra a violencia machista
O BNG contra a violencia machista

Adelina Ces: “Queremos poñer o foco en que a manada non son cinco, que hai manadas na xustiza, na política a nas institucións nun sistema que tolera que as mulleres sexamos agredidas por ser mulleres”

O BNG rexeita a violencia machista baixo o lema "a manada é o sistema"

O BNG lanza a campaña con motivo do 25 de novembro Día internacional contra a violencia machista baixo o lema A manada é o sistema, para denunciar que a violencia contra as mulleres procede de todo un sistema que tolera e consinte que as mulleres non teñan garantidos os seus dereitos e sexan agredidas polo mero feito de ser mulleres.

Para a concelleira nacionalista Adelina Ces “non son casos illados, non son cinco homes que violan a unha muller nos San Fermíns, estamos falando de comportamentos do sistema, por iso denunciamos que hai manadas na xustiza, na política e nas institucións que toleran a violencia contra as mulleres”, indicou.

Para o BNG, o sistema actúa como manada “cada vez que emite unha sentenza na que se cualifica de maltrato ocasional o intento de estrangular a unha muller, cada vez que se lle obriga a 212 nais a deixar aos seus fillos e fillas cun maltratador, cada vez que se nos cuestiona por como imos vestidas ou por como nos comportamos, aí hai unha manada”.

Ces tamén denunciou que cada vez que se vulneran impunemente os dereitos fundamentais das mulleres vemos que a raíz da violencia machista, de todas as formas de violencia exercidas contra as mulleres teñen unha raíz profunda e impregna todas as capas e todos os ámbitos da sociedade.

Con esta campaña, o Bloque tamén quere incorporar o espírito de loita e denuncia expresado na manifestación histórica do 8M protagonizada polas mulleres, que volveron tomar as rúas en protesta por unha xustiza “patriarcal e machista”. Difundirá a campaña por todo o país e a través das redes sociais e insta á participación masiva nas manifestacións convocadas para este domingo en diferentes cidades e vilas contra a violencia machista.

Destinar o 1% do Orzamento da Xunta a loitar contra esta lacra

Na última década, 45 mulleres foron asasinadas en Galiza, 55.000 presentaron denuncias por maltrato e cada día rexístranse a denuncia de tres violacións. Combater esta violencia sistemática contra as mulleres require decisión política e recursos económicos suficientes. Por iso, entre as propostas do Bloque, destinar o 1% dos orzamentos da Xunta, -100M€ de case 10.000 M€ de presuposto-, a combater a violencia de xénero. “É moito 1 de cada 100 euros cando se trata da vida da metade da poboación?”, interpelou Ces Quintáns.

A formación nacionalista tamén considera urxente “cambios profundos nun sistema xudicial machista, patriarcal e –como estamos a ver estes días-, absolutamente corrompido e dirixido desde atrás polos partidos estatais”. Igualmente, crear unha unidade específica contra a violencia machista na Dirección Xeral de Xustiza encargada de facer cumprir a lexislación en materia de violencia machista e xulgados de violencia de xénero en todas as cidades.

Actos programados do BNG:

Na Pobra do Caramiñal

Martes 27 de novembro ás 20h no auditorio Valle-Inclán presentación do libro "Invisibles" coa xornalista Montse Fajardo e charla sobre violencia machista por parte de Rosa Campos, directora do CIM.

Rianxo

Obradoiros, xornadas e charlas nas que destacamos:

Exposición "Pingas de luz" investigación sobre as agresións machistas acontecidas en Rianxo

Obradoiros de autodefensa, concienciación infantil ou emocións

Palestra de deportistas rianxeiras.