O deputado nacionalista, Xosé Luís Rivas “Mini”, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, acompañados de membros das catro localidades da Barbanza, presentaron publicamente as emendas que o BNG presentou aos Orzamentos da Xunta para 2020.
Segundo explicou Xosé Luís Rivas “a política da Xunta esquece as demandas sociais coa poboación dos catro concellos da Barbanza como son a mellora dos servizos públicos e sociais como a sanidade ou a atención á dependencia”. O nacionalista tamén quixo denunciar o incumprimento de acordos orzamentarios “para tirar a foto” e que despois o PP non executa.
O deputado nacionalista tamén cargou contra Feijóo por carecer de proxecto de país e que, se o ten, o único que se visualiza con estes Orzamentos é a consolidación das privatizacións e recortes en materia social, desatenden o noso rural ou as nosas rías. Rivas “Mini” botou man dun informe de Augas de Galiza, no que se recolle que a metade das depuradoras funcionan mal, para denunciar que a Xunta segue de brazos cruzados na depuración de augas residuais. No ámbito rural o único que promove é o monocultivo do eucalipto que xa vimos as catastróficas consecuencias en Rianxo no ano pasado, “faise preciso poñer en valor a gandaría, a silvicultura, apostar pola un monte multifuncional que evite os grandes lumes forestais” concluíu “Mini”.
Prioridades do BNG: sanidade, atención ás persoas maiores e infraestruturas
Pola súa banda, o alcalde de Rianxo Adolfo Muíños destacou que o BNG aposta por dinamizar e revitalizar unha comarca que é puxante social e economicamente falando, pois aglutina unha poboación de máis de 65.000 habitantes e posúe unha industria forte como é a conserveira ou un sector primario decisivo para Galiza como é o pesqueiro.
Muíños argumentou a atención ás persoas e ás necesidades sociais é fundamental para o BNG, por iso rexistra emendas para dotar dunha nova residencia a Ribeira que sexa de ámbito comarcal, poñer en marcha o centro de día de Rianxo, arranxar o centro de saúde da Pobra e dotar unha ambulancia medicalizada para o Hospital da Barbanza. “Debemos garantir o dereito a termos unha sanidade pública de calidade e unha boa atención ás persoas maiores” explicou Muíños. Tamén foi moi claro o mandatario rianxeiro, cun tema demandado como é o centro de día: “queremos que a Xunta apoie a a posta en marcha do centro de día no Pazo de Rianxiño e no caso de que a Xunta queira negarlle aos veciños e veciñas este dereito que o diga claramente”.
Con respecto ás infraestruturas o Bloque aposta pola mobilidade, concretamente propón dotar á Barbanza dunha liña ferroviaria que permita mellorar as conexións con outras cidades por tren e facilite a exportación das mercadorías que se producen nas industrias e materias que chegan aos portos. Esta proposta non sería excesivamente custosa pois as vías xa pasan por Rianxo e só sería necesario proxectar unha única liña que chegase até Ribeira. Tamén se inclúe nas emendas do BNG o aumento no mantemento no portos pesqueiros, a reforma do Pazo do Martelo en Rianxo para modernizar a biblioteca e garantir a súa accesibilidade e o remate da escola infantil da Pobra.
Por último e tamén relacionado coas infraestruturas o Bloque solicita que o Orzamento da Xunta para 2020 contemple a construción dunha segunda depuradora para Boiro que preserve o medio natural. Muíños Sánchez referiuse a que é unha necesidade urxente para evitar que haxa verteduras na ría que prexudiquen o medio natural e os postos vinculados á pesca e ao marisqueo.
Detalle das emendas presentadas polo BNG aos Orzamentos da Xunta para 2020
Concello
|
Denominación
|
Contía
|
A Barbanza
|
Conexión ferroviaria para A Barbanza. Estudo técnico para a implantación dunha conexión ferroviaria.
|
100.000€
|
Ribeira
|
Residencia comarcal de maiores
|
600.000€
|
Ribeira
|
Ambulancia medicalizada
|
|
A Pobra
do Caramiñal
|
Arranxo e mellora do centro de saúde
|
100.000€
|
A Pobra
do Caramiñal
|
Remate da escola infantil
|
100.000€
|
A Pobra
do Caramiñal
|
Arranxo das ramplas da Ribeiriña e Conchido
|
80.000€
|
A Pobra
do Caramiñal
|
Arranxo pantaláns e mantemento do peirao pobrense
|
120.000€
|
Boiro
|
Mellora da depuradora e/ou construción dunha nova
|
5.000.000€ (en varias anualidades)
|
Rianxo
|
Reforma do Pazo Martelo para garantir a accesibilidade, eliminación de humidades e modernizar a biblioteca
|
560.000€
|
Rianxo
|
Reforma Pazo Rianxiño mercado polo concello para destinalo a un uso social como centro de día
|
350.000€
|