O BNG oponse ao anteproxecto de Lei de Saúde por prexudicar o fucionamento do hospital e dos centros de saúde

Hospital_do_Barbanza.Oleiros.Ribeira.Galicia_2
Hospital da Barbanza
O BNG oponse ao anteproxecto de Lei de Saúde por prexudicar o fucionamento do hospital e dos centros de saúde

O BNG da Barbanza e Muros-Noia presentará mocións nos concellos instando a que se opoñan ao anteproxecto de lei polo que se modifica a lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. Segundo anunciou a vicerresponsábel comarcal, Cristina Andrade, o BNG está levando a cabo en todas as institucións iniciativas nas que amosan a súa rotunda oposición a esta modificación polo que esixen a súa retirada.

O Anteproxecto reduce as 11 Áreas Sanitarias que contemplaba a lei do 2008 a 7, correspondentes coas denominadas “Estruturas Organizativas de Xestión Integrada” (EOXI), que o goberno do PP creou en 2010 e que foron moi criticadas tanto polos profesionais da sanidade como por distintas asociacións en defensa da sanidade pública, por supoñeren un deterioro na asistencia sanitaria. Segundo declarou Cristina Andrade, no pasado mes de agosto, sen facer previamente unha avaliación do resultado das EOXIS, o Partido Popular presenta este anteproxecto con “nocturnidade e aleivosía”, en pleno período vacacional, sen diálogo previo na mesa sectorial nin cos colectivos sociais e sen apenas prazo de alegacións.

A redución das Áreas Sanitarias a 7, correspondentes coas 7 grandes cidades, cunha única xerencia por área no hospital de referencia, implica un afastamento da xestión con respecto ás persoas pacientes, unha perda de autonomía e de capacidade de decisión e de xestión por parte dos hospitais máis pequenos, como o da Barbanza, e dos centros de atención primaria, subordinados á xerencia de Santiago.

A vicerresponsábel do BNG da Barbanza e Muros-Noia tamén destacou que este anteproxecto aposta descaradamente pola privatización tanto da formación como como da investigación en I+D+i, dando paso á participación de capital privado nestes ámbitos.

Por outra parte, o Anteproxecto favorece a precarización laboral do persoal sanitario así como o enchufismo.

Esta modificación inclúe importantes recortes no que se refire aos mecanismos de participación e control democrático, posto que o Consello Galego de Saúde e os Consellos de Área pasan a ter unicamente funcións consultivas e de asesoramento.

Finalmente, desde o BNG da Barbanza destamos o feito de que o Anteproxecto deixa o mapa sanitario, a composición e funcionamento dos distintos consellos e outras cuestións para unha posterior regulación mediante decretos do Consello da Xunta, é dicir, sen pasar polo control parlamentario.

A conclusión que transmitiu a vicerresponsábel nacionalista é que o Anteproxecto suporía un chanzo máis na política de recortes, na privatización, na precarización laboral e, en definitiva, na calidade asistencial da sanidade pública sobre todo na atención primaria e no hospital comarcal.

O BNG oponse ao anteproxecto de Lei de Saúde por prexudicar o fucionamento do hospital e dos centros de saúde