O BNG da Barbanza recolle as demandas sociais para emendar os Orzamentos de 2018 da Xunta

BNG da Barbanza
BNG da Barbanza

Luís Pérez Barral: “o PP terá que explicarlle ás veciñas e veciños da Barbanza por que lles nega a posibilidade de ter mellores servizos públicos”

O BNG da Barbanza recolle as demandas sociais para emendar os Orzamentos de 2018 da Xunta

O BNG da Barbanza presentou publicamente as emendas que se realizan aos Orzamentos da Xunta para 2018. Para o BNG os Orzamentos son continuístas, porque non reverten os recortes aplicados desde 2009, mermando a calidade os servizos públicos e por outra banda, son uns Orzamentos decepcionantes que non recollen as demandas das veciñas e veciños da Barbanza.

O responsábel comarcal Luís Pérez Barral acompañado de varios membros do Consello Comarcal, detallou que o Bloque realizou un conxunto de emendas que teñen que ver coas necesidades das veciñas e veciños de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. “Son propostas en positivo que a sociedade demanda e que o BNG recolle para tentar mellorar os Orzamentos” afirmou Pérez Barral.

As emendas do BNG teñen que ver con 4 áreas fundamentais; sanidade, servizos sociais e dependencia, creación de emprego e infraestruturas. Un total de 9 actuacións que terían un impacto de 4 millóns de euros.

Para o responsábel da formación nacionalista Pérez Barral, “estas emendas parten das necesidades que teñen os concellos da Barbanza, queremos darlle solución ás demandas que fai a nosa poboación, agardamos que o PP as teña en conta.

Pérez Barral finalizou de xeito tallante: “se son rexeitadas animamos a que os deputados e deputadas do PP veñan á Barbanza para explicarlle á xente por que lles negan melloras no servizos esenciais públicos”.

Violencia machista

Do mesmo xeito o BNG aproveitou para amosar o seu rexeitamento contra a violencia machista e convidou a reflexionar colectivamente para que entre todas as persoas consigamos vencer este problema terríbel.

A tenente alcalde de Rianxo Adelina Ces informou que o BNG demandou maior compromiso da Xunta de Galiza con este tema: “desde o Bloque pedimos que se destine o 1% do Orzamento a rematar dunha vez cos feminicidios, o acoso e a violencia psicolóxica, 90 millóns de euros para que non teñamos que lamentar ningún asasinato máis”.

Emendas

Sanidade

  • Centro saúde de Ribeira: mellora integral do centro por valor de 300.000€

  • Creación de 2ª praza de pediatría na Pobra: necesidade reitarada pola veciñanza. Valor 50.000€

 

Servizos sociais e dependencia

  • Centro de día para Rianxo: dotar dun centro de día a Rianxo, demanda que mantén aos veciños e veciñas en reivindicación constante. Valor 850.000€

  • Residencia de 3ª idade para Boiro: necesidade perentoria que melloraría a atención ás persoas maiores en toda a bisbarra. Valor 1.500.000€

  • Creación dunha escola infantil na Pobra do Caramiñal: único concello da Barbanza que non ten este servizo. Valor 500.000€

  • Remate do centro social de Cabo de Cruz: dotar de equipamento suficiente e rematar o edificio para que poida empregarse e realizar actividade. Valor 1.000.000€

 

Creación de emprego

  • Creación de chan insdustrial en Ribeira e na Pobra: dotar aos dous concellos de chan industrial co fin de que poidan asentarse empresas e industrias coas que xerar emprego. Valor 500.000€

 

Infraestruturas

  • Circunvalación para Ribeira: realización dun proxecto para dotar desta infraestrutura moi demandada e necesaria para mellorar a circulación na vila. Valor 100.000€

  • Beirarrúas na Ribeiriña: construción de beirarrúas nun treito da AC-305 na Pobra do Caramiñal. Valor 100.000€