O BNG da Barbanza pide que a Xunta mellore o reparto de fondos aos concellos

Carlos Ansoar, Cristina Andrade e Elvira Blanco
Carlos Ansoar, Cristina Andrade e Elvira Blanco
O BNG da Barbanza pide que a Xunta mellore o reparto de fondos aos concellos

  Segundo afirmou a responsábel comarcal, Cristina Andrade, desde o BNG estamos a presentar en todos os concellos unha moción na que se propón o acordo de instar á Xunta de Galiza que siga os pasos da Deputación da Coruña, transferindo directamente ao Fondo de Cooperación Local os recursos que o Goberno galego destina aos concellos, actuando con transparencia e obxectividade no reparto de fondos da Comunidade Autónoma. Estes criterios de transparencia e obxectividade deben tamén aplicarse ao conxunto dos plans e programas que desenvolva o goberno galego, contando sempre coa negociación previa coa FEGAMP.

Cristina Andrade engadiu que esta proposta toma como referencia O Plan Único de Concellos (POS+2017), aprobado pola Deputación da Coruña, que se estableceu cos obxectivos, entre outros, de mellorar e simplificar as fórmulas de cooperación cos concellos e contempla a distribución de fondos con criterios obxectivos, uns criterios que suscitan un amplísimo e moi maioritario apoio entre os concellos da provincia e que resulta un instrumento de cooperación que avanza claramente na transparencia do reparto dos fondos e afonda igualmente no concepto de autonomía local.

De feito, con este Plan Único de Concellos (POS+2017) a Deputación da Coruña está a marcar un novo camiño para outras administracións no ámbito da cooperación local. Só hai que salientar un dato comparativo: mentres a Deputación destina inicialmente ao Plan Único 74 millóns de euros para os 93 concellos da provincia (que ao final do exercicio 2017 prevese que poida alcanzar a cifra de 100 millóns), a Xunta de Galicia unicamente achega 120 millóns ao Fondo de Cooperación Local para os 313 concellos do país.