O BNG da Barbanza inicia accións polo día 8 de marzo

A responsábel de acción feminista Elvira Blanco acompañada das edís Hadriana Ordóñez, Manel Casal, Carlos Ansoar e Luís Pérez.
A responsábel de acción feminista Elvira Blanco acompañada das edís Hadriana Ordóñez, Manel Casal, Carlos Ansoar e Luís Pérez.
O BNG da Barbanza inicia accións polo día 8 de marzo

Hai xa máis de cen anos que o movemento feminista estendeu o 8 de marzo como unha data internacional e referencial na loita pola igualdade de dereitos das mulleres.

Mais contamos con numerosos indicativos que amosan como a igualdade é un obxectivo aínda lonxe de conquistar en moitos campos, tamén no laboral. Organismos e observatorios tanto internacionais como galegos teñen alertado da enorme desigualdade que aínda sufrimos as mulleres no mundo.

Tal e como dixo a responsábel de acción feminista Elvira Blanco, “o informe 2016 do Foro Económico Mundial indica que a igualdade podería tardar até os 170 anos, e os datos referentes ao mercado laboral de 2015 amosan como as galegas ingresamos un 32,2% menos que os homes”.

Segundo apuntou Blanco “fica moito por facer nun contexto no que as consecuencias da crise económica e o empeoramento das condicións laborais provocado polas reformas laborais de PP e PSOE teñen contribuído tamén a profundizar na desigualdade. Somos as mulleres quen ocupamos as peores porcentaxes de traballo precario, temporal, parcial e bolsas de traballo fóra da lei nun marco onde a lexislación e a inspección son aínda insuficientes”.

Esta desigualdade esténdese tamén ao ámbito do traballo non remunerado xa que as políticas austericidas do Partido Popular teñen recortado servizos de apoio a coidados, conciliación, dependencia… supoñendo unha sobrecarga para moitas mulleres que acaban por suplir esas carencias.

Aínda que cada 8 de marzo cómpre insistir en combater todas as desigualdades en materia económica e outras como a dificultade para acceder a postos de responsabilidade en igualdade de condicións, é necesario facer ver que hai outras consecuencias do patriarcado que tamén se dan nos nosos traballos.

Cómpre ampliar o foco e denunciar que as situación de acoso sexual e moral que sofren moitas mulleres no seu traballo tamén son desigualdade e tamén son violencia. O machismo no ámbito laboral tamén abrangue actitudes e comportamentos que atentan contra a dignidade e que se alimenta dun sistema patriarcal que cómpre denunciar e desmontar.

Para isto, o BNG presenta hoxe esta campaña coa que pretende, por unha parte, denunciar a frecuencia e gravidade do acoso laboral e machista sobre as mulleres así como a desigualdade no ámbito laboral.

Tamén, reclamar medidas máis contundentes desde as administración, para o que os grupos municipais da comarca presentarán mocións nos seus respectivos concellos solicitando: apoiar publicamente actos das organización e colectivos feministas, instar ao goberno da Xunta a elaborar un estudo sobre o impacto, grao de cumprimento e vixencia da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes; incluír nos pregos de contratación penalizacións e restrición de contratos por causa de discriminación de xénero ou orientación sexual así como rescindir os contratos municipais con aquelas empresas que teñen imputado algún caso de acoso laboral.

Por outra banda, o BNG tamén pretende denunciar como as consecuencias da precaridade, a temporalidade e a violencia económica recaen sobre todo nas mulleres traballadoras e visibilizar exemplos de loitas colectivas e individuais na defensa da igualdade no ámbito laboral, como os casos de Clece e Hedegasa.

Ademais, a edil de servizos sociais e igualdade do concello de Rianxo Hadriana Ordóñez en Rianxo promoveranse actividades no IES Félix Muriel a onde levarán cinco mulleres que tiveron traballos maioritariamente masculinos, co fin de que poidan observar como as mulleres poden desempeñar todo tipo de traballos e que casos de discriminación sufriron.