O BNG da Barbanza chama a reaxir contra a estafa legal da AP-9

Membros do BNG da Barbanza
Membros do BNG da Barbanza
O BNG da Barbanza chama a reaxir contra a estafa legal da AP-9

O BNG da Barbanza chama á veciñanza a reaxir contra unha estafa que lle afecta ao peto das galegas e galegos como é a suba de peaxes da AP-9, fronte a submisión de Feijóo.

O responsábel comarcal Luís Pérez Barral, acompañado de membros do BNG comarcal, anunciou que se presentarán iniciativas nos concellos da Barbanza para rexeitar a suba de case un 4% en todos os tramos. A suba suporá un golpe ás finanzas da cidadanía e tamén das empresas, pois alén de pagar os combustíbeis máis caros do Estado, deberán pagar as abusivas peaxes.

“Os goberno do PP e do PSOE son os responsábeis de que o pobo galego teña que soportar unha das autoestradas máis caras de todo o Estado mentres temos os salarios e pensións máis baixas” argumentou o responsábel nacionalista. Para o BNG o agravio da AP-9 ten dous responsábeis, PP e PSOE, por ampliaren as concesións até o máximo legal de 75 anos.

O BNG realizará unha xuntanza o vindeiro 27 de decembro, á que se convidou a PSdeG e En Marea para rexeitar a suba abusivas das peaxes e loitar pola transferencia da AP-9 á Xunta.

Pérez Barral cualificou de “aldraxe e insulto a Galiza” que até en 2 ocasión o goberno de M. Rajoy vetou a iniciativa impulsada polo BNG e aprobada unanimemente polo Parlamento de Galiza, a transferencia da AP-9, mentres si aprobaba o rescate das radiais madrileñas por valor de 4.000 millóns de euros.

Finalmente o BNG propuxo unha serie de medidas como son:

Levantar as barreiras cando haxa retencións maiores a 1km

Rebaixas e bonificacións por us oou por kms

Aumento de persoal e melloras en mantemento

O responsábel do BNG na Barbanza finalizou: “os galegos e galegas non podemos seguir aturando esta estafa legal e engrosando os beneficios dunha empresa cuxo principal accionista é unha entidade chamada Capital Corsario”.

SABÍAS QUE...?

20.000 usuarios/as transitan pola AP-9 cada día.
Cada día AUDASA recada máis de 300.000 euros en peaxes.

Os galegos e galegas soportamos a autoestrada máis cara do Estado tendo os segundos salarios máis baixos.
Pagamos máis en peaxes no traxecto Ferrol-Vigo, con 17,65 euros de peaxes, que no traxecto de Ferrol a Madrid, onde as peaxes a pagar son de 16,2 euros. Páganse menos peaxes por viaxar desde A Coruña a Madrid que desde A Coruña a Vigo.

Galegas e galegos levamos pagado máis de 2.200 millóns de euros en peaxes, e os beneficios obtidos pola concesionaria superan os 743,8 millóns de euros.

O Goberno de Rajoy vai dedicar máis de 8.000 millóns de euros ao rescate das concesións de varias autoestradas madrileñas deficitarias, mais négase á supresión das peaxes da AP-9 galega.

POR QUE PEDIMOS O RESCATE, TRANSFERENCIA A GALIZA E SUPRESIÓN DE PEAXES?

1. Porque a AP-9 xa está amortizada.

A  AP-9 leva recadado en peaxes desde a súa apertura máis de 2.200 millóns de euros e xerou máis de 750 millóns de euros de beneficio.

2. Porque a xestión que padecemos é abusiva e discriminatoria.

Os beneficios que obtén a empresa non repercuten na mellora do servizo, ao contrario. As longas colas son habituais en determinadas épocas do ano e a iluminación e o asfaltado é deficiente en moitos tramos. Por riba, as e os usuarios habituais da AP-9 non poden beneficiarse de descontos polo seu uso frecuente, descontos que Itínere -o grupo onde se integra Audasa- si ofrece noutras autoestradas do Estado.

3. Porque Galiza precisa dun deseño e xestión propia das súas infraestruturas.

O deseño estatal de vías de grande capacidade obedece, de orixe, a unha concepción centralista e radial, allea por completo ás necesidades da realidade territorial, social e económica do noso país. A consecuencia é que temos unha maior facilidade de desprazamento cara a Madrid que cara dentro da propia Galiza.