O BNG Barbanza pon en marcha o "proceso Adiante" na comarca para reforzar o proxecto nacionalista

A deputada galega Montse Prado con membros do BNG da Barbanza
A deputada galega Montse Prado con membros do BNG da Barbanza
O BNG Barbanza pon en marcha o "proceso Adiante" na comarca para reforzar o proxecto nacionalista

A deputada galega Montse Prado con membros do BNG da BarbanzaO Consello Nacional do pasado 12 de marzo acordou desenvolver o Proceso Adiante, concretando a decisión adoptada polo conxunto da militancia do BNG na XV Asemblea Nacional de impulsar o proceso de refundación do BNG. Ese proceso está xa en marcha, polo tanto estase executando o mandato asembleario coa maior celeridade, non só desde os organismos nacionais, senón involucrando ao conxunto da militancia e simpatizantes.

Dito proceso está subdividido en 5 fases: Unha 1ª fase, denominada Activar, de posta en marcha do proceso, xa está executada. A 2ª fase, Debater, desenvólvese durante este mes de abril mediante asembleas locais abertas. A 3ª fase, Definir, consistirá na realización de mesas sectoriais, grupos de traballo, etc que farán aportacións concretas a un esquema de teses elaborado coas achegas das asembleas locais previas. A 4ª fase, Decidir, de setembro a decembro, prevé o debate comarcal dos relatorios marco e culminará nunha Asemblea Nacional Extraordinaria. A 5ª fase, Aplicar (antes de marzo do 2017), supón a execución dos acordos desa Asemblea.

O proceso Adiante é unha análise profunda das cuestións que o nacionalismo galego debe corrixir para poder relanzar o proxecto nacionalista en Galiza. Os ámbitos de debate repártense en tres bloques: radiografía de Galiza hoxe, estratexia política do nacionalismo galego e participación política e modelo organizativo.

O proceso Adiante vai “de abaixo a arriba”, é un proceso aberto e democrático: serán a militancia e simpatizantes os que determinarán os aspectos centrais que deben ser abordados. É un exemplo da pluralidade de ideas, de debate interno, de asemblearismo e funcionamento democrático. As decisións máis importante que ten que adoptar o BNG nestes momentos tomaranse despois de realizar multitude de asembleas, de moito debate, de escoitármonos e de tentar buscar os máximos puntos de encontro posíbeis, decidindo entre todos e todas.

A deputada Montse Prado fixo fincapé en que "o BNG decidiu iniciar un proceso chamado Adiante para reforzar o proxecto nacionalista que ten moito futuro neste país. Galiza está nunha situación de emerxencia nacional cun desemprego elevado, emigración brutal e a destrución de sectores produtivos. Todo isto fai que sexa necesaria unha baixada á realidade para escoitar activamente ás galegas e galegos para logo acordar o camiño a seguir do Bloque Nacionalista Galego e reforce e relance o nacionalismo galego para rematar coas nefastas políticas do Partido Popular e arredalo do goberno da Xunta".

Todo este proceso é aberto, transparente e participativo xa que haberá asembleas locais abertas por todo o país para que a xente poida facer achegas de tarefas que debe emprender o nacionalismo, novas ideas, etc e tamén habilítase o espazo web adiante.gal para que todo o mundo poida ver os documentos e facer as súas propias suxestións.

Polo que respecta á comarca da Barbanza, durante esta segunda fase do proceso, vanse realizar asembleas abertas en todas as localidades. A próxima semana concretaranse todas as citas, pero nestes momentos xa podemos adiantar que a de Ribeira terá lugar o sábado 16 ás 20:00 horas no Ateneo Valle-Inclán e a da Pobra o sábado 30.